O PSOE AGARDA QUE O PP DA ESTRADA SOLICITE OS OBRADOIROS DE EMPREGO NESTE 2024

Este xoves publicáronse as bases dos Obradoiros duais de emprego e en breve publicaranse as dos Obradoiros xuvenís. López Bueno salienta que se financia integramente o custo laboral dos alumnos-traballadores, polo que sae “practicamente gratis” para os Concellos.

O PSOE da Estrada pedirá no vindeiro pleno ordinario do Concello da Estrada a solicitude dos obradoiros de emprego neste 2024. Este mesmo xoves publicouse no DOG a  convocatoria dos obradoiros duais, que financian o total do custo laboral dos alumnos-traballadores, polo que o programa sae practicamente gratis para os Concellos.

Luis López Bueno valorou que os Obradoiros de emprego son unha ferramenta “fundamental” de promoción do emprego nos concellos de Galicia e ve “inexplicable” que o PP da Estrada leve “anos renunciando a solicitalos”. Indicou que o programa “está dirixido a persoas que se atopan en situación de desemprego, dá un posto de traballo durante 9 meses e finaliza cun certificado que mellora a empregabilidade futura dos alumnos-traballadores”.

Ademais valorou que os obradoiros “executan actuacións que lle corresponden ao Concello” e puxo como mostra o legado de obradoiros pasados como a Praza do Concello, melloras na Carballeira municipal, na Praia Fluvial e noutros espazos públicos. Advertiu de que “hai decenas de proxectos que se poderían executar con persoal dos obradoiros de emprego” e manifestou que “por exemplo nas parroquias hai moitos espazos que están totalmente descoidados e que poderían reacondicionarse. Estou convencido de que a calquera veciño ou veciña se lle ocorre un espazo que necesita melloras”.

Considera que se podería explorar a colaboración da Formación Profesional do IES Losada Diéguez apoiando á formación profesional da Estrada e facéndoa “partícipe da recuperación de espazos para as persoas no noso Concello”.

O voceiro socialista afeoulle ao PP que a súa política de emprego na Estrada estea “totalmente baleira de contido”. Considera “difícil de entender” que o PP leve anos sen solicitar os obradoiros porque “non parece moi intelixente perder 1 millón de euros ao ano en financiamento para promoción do emprego e que si está chegando aos Concellos que solicitan os obradoiros”.

Tamén recordou que no ano 2020 o alcalde dixera que apostaba polos Plans Integrados de
Emprego fronte aos Obradoiros, e destacou que por culpa do goberno do PP “agora non temos nin Obradoiros nin Plan Integrado”. Para o voceiro isto “demostra que o PP non está preocupado por xerar emprego na Estrada” e que os Concelleiros e Concelleiras do PP consideran que 1 millón de euros para promoción do emprego non son importantes.

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura, Luis López Bueno y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.