O PSOE VE INEXISTENTE A POLÍTICA INDUSTRIAL DO PP

Luis López Bueno valorou que “mentres o concello naufraga dende o punto de vista económico, industrial e demográfico, a prioridade do PP é montar unha comisión de festas”.

O PSOE da Estrada ve inexistente a política industrial do goberno municipal encabezado por José López Campos. A información que trascendeu este martes de que finalmente non haberá planta de biodiésel na Estrada “demostra unha advertencia que xa lanzara o Grupo Municipal Socialista hai meses, a industria renuncia a vir ao noso Concello pola inoperancia do PP da Estrada”.

Opinou que na situación actual “non creo que nin A Estrada nin outro Concello estemos para renunciar a un proxecto que poida crear 100, 200 ou 500 postos de traballo” e por iso considera “triste” que a inacción do PP da Estrada teña como resultado “unha nova oportunidade perdida para A Estrada”.

López Bueno considera que “desgraciadamente” A Estrada está nun proceso de retroceso
económico (entre 2018 e 2020 perdeuse o 2% do PIB mentres os concellos da contorna medran a ritmos superiores ao 5%), demográfico (-1.800 veciños en 15 anos) e industrial (89 empresas menos en 10 anos). Nese contexto, López Bueno está convencido de que “os veciños e veciñas piden moito máis dun goberno local serio” e responsabilizou ao PP destes resultados porque “levan 15 anos no goberno, que ninguén o esqueza”.

O líder socialista valorou que “mentres o concello naufraga en todas as áreas importantes e que lle afectan directamente aos veciños e veciñas, a prioridade do PP é montar unha comisión de festas”. López Bueno puxo este exemplo para explicar por que “lamentablemente temos que ver noticias de concellos limítrofes onde si hai nova industria, como en Silleda, Cuntis ou Forcarei” mentres que na Estrada o PP está a temas menores “que hai que resolver, pero son xestións normais do día a día”.

O líder socialista esixe que o goberno municipal “fale con industrias galegas, nacionais e
estranxeiras” para atraer investimentos para o noso Concello porque “é o que fan os gobernos preocupados pola economía e o emprego”. Valorou ademais que o PP da Estrada ten un goberno NINI, “nin buscan industria para A Estrada nin apoian os proxectos que lles aparecen pola porta”.

Ademais, considerou que o PP “fíalle o futuro do Concello a unha autovía que tardará moitos anos en chegar á Estrada” e a unha ampliación do Polígono de Toedo da que “de momento só se está a redactar o proxecto”.

López Bueno entende que “son proxectos que se deben pelexar” pero que considera “claramente insuficientes se o goberno municipal non fai política industrial”. Lamentou que José López fora “incapaz” de reunirse con Zona Franca “para valorar alternativas”. Tamén ve “lamentable” os servizos públicos no Polígono Industrial de Toedo, onde propón “atender as demandas das empresas que xa están aquí instaladas, porque quizais mañá nos levantemos coa noticia de que algunha das poucas empresas que quedan tamén deciden marchar”.

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura, Luis López Bueno y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.