O PSOE DA ESTRADA VE “DESATINADA” A ESTRATEXIA DE DEPORTES DO CONCELLO

Belén López aposta pola recuperación de algunha das 5 carreiras populares que enchían A Estrada de deportistas. Propón que as pistas sexan accesibles para “todos os veciños e veciñas, non só para federados”.

No pleno da pasada semana, o PSOE da Estrada lanzou unha serie de propostas en materia de deportes. A Concelleira socialista Belén López foi a encargada de trasladar as preocupacións dos deportistas, clubs e veciños e veciñas en xeral. Ademais ofreceu as respostas que poñen enriba da mesa dende o Grupo Municipal Socialista.

Belén López considera que a estratexia de deportes do PP da Estrada está “moi equivocada”. Valorou que o PP “deixou caer todas as carreiras populares que se celebraban no casco urbano e que enchían a vila de deportistas federados e amateur”.

Puxo o exemplo da Carreira Nocturna, que o concello deixou de organizar e foi pospoñendo durante meses sen que aínda hoxe se teña data para a súa celebración. Opina que “as carreiras populares da Estrada atraían a milleiros de persoas e deixaban actividade económica no pobo” ademais de animar a calquera veciño ou veciña a participar delas e facer algo de deporte.

Sobre as pistas de atletismo, Belén López apuntou a que “son unha instalación necesaria, como sempre defendemos no PSOE” e considera que é unha instalación pública que debe estar aberta a actividades dos centros educativos e incluso a veciños e veciñas particulares. Esa proposta contrasta coa postura do PP que pretende “unha instalación exclusiva para deportistas federados”.

Belén López considera que debe existir un regulamento de uso que faga posible que a instalación sexa “para todos e para todas” e que ademais garanta a boa conservación da pista e do material que adquira o Concello.

Indicou tamén unha serie de melloras que se poderían realizar na obra, como por exemplo a ubicación da zona de saltos. En practicamente todas as pistas semellantes, esta zona está diante da grada principal, mentres que no caso da Estrada está moi lonxe da mesma. O PP indicou que consultaría a posibilidade de reubicar a zona.

Esta entrada ha sido publicada en Belén López, Luis López Bueno y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.