Luis López Bueno considera que para fomentar a natalidade fan falta medidas de apoio “no longo prazo”. Aposta por incrementar o apoio económico ás familias e ampliar os servizos públicos.
O PSOE da Estrada vén de presentar unha moción para a creación dunha axuda municipal á natalidade. Propoñen a creación dun bono para as familias con recén nacidos, que duraría 4 anos e que constaría de ata 1.500 euros, sempre destinados a mercar nos comercios da Estrada.
Luis López Bueno considera que esta medida supón un reforzo das políticas de natalidade da Estrada e ve fundamental que se oriente cara o consumo no comercio local para que “incentive a natalidade e tamén evite fugas de consumidores cara Santiago de Compostela”.
O líder socialista valorou que se trata “dunha medida concreta” que mellora amplamente as “inexistentes” políticas de natalidade do PP, “que só foron capaces de organizar algunhas entregas da Baby Box”. Indicou que a súa proposta “pode convivir coa Baby Box, non supón ningún problema a nivel de orzamento”.
López Bueno explicou que “as políticas de natalidade deben cubrir períodos grandes de tempo” porque “un detalle puntual non incentiva a ninguén”. Ve necesario tomar a medida que propoñen e tamén “ampliar os programas de servizos sociais destinados a menores, campamentos, actividades e transporte rural-urbano”. Advertiu de que “ou se aborda a natalidade dunha forma global, ou as medidas concretas serán inútiles”.
O socialista considera que o PSOE é o único partido realmente preocupado pola perda de poboación e sacou peito das medidas propostas polo Grupo Municipal Socialista que se están aplicando agora mesmo: Servizo de Atención Temperá, Gratuidade da Escola Infantil Municipal para segundos fillos e sucesivos.
Tamén puxo en valor outras propostas como un centro interxeracional, servizo de apoio á saúde mental e outros programas que “dependen exclusivamente de ter locais municipais para que o servizo se poida prestar”. Explicou que o Centro de Saúde da Avda. De Santiago “ten que ser a instalación que permita ampliar os Servizos Sociais da Estrada” e afirmou que “cando o PSOE propoñemos recuperar precisamente esa instalación non é por capricho, é porque queremos máis servizos no futuro”.
Ademais, López Bueno opinou que as propostas do PP respecto á demografía son “ocorrencias” e puxo como exemplo a “famosa” Aldea Modelo da Sidra, da que non se soubo nada máis despois de que o PP a anunciara na prensa local. Tamén deixou claro que respecto da crise demográfica “ou estás preocupado e tomas medidas, ou non estás preocupado”, polo que lle recomendou ao PP que deixe de “espantar inversores industriais e reducir os servizos públicos “