O PSOE DE A ESTRADA RECLAMARÁ QUE O PLAN DE MOBILIDADE URBANA SOSTIBLE SEXA OBXECTO DE VOTACIÓN NUNHA CONSULTA POPULAR

O PMUS comezouse polo tellado, é un documento que está redactado sen consensualo con ninguén” manifestou López Bueno.

A Estrada, 26 de xuño de 2019. O PSOE de A Estrada reclamará que o PMUS sexa obxecto de votación nunha consulta popular. “O PMUS comezouse polo tellado, é un documento que está redactado sen consensualo con ninguén”. O voceiro socialista advirte de que “o trámite de exposición pública permite facer alegacións, pero debemos ir máis alá e aprobar o documento coa vontade de todas e todos os veciños”.

López Bueno recordou que esta fórmula se empregou xa noutros concellos, “Silleda empregouna para decidir se trasladaba a Casa do Concello, non se debería tratar dun mecanismo tan excepcional”.

Para os socialistas “se o documento é a ferramenta que marcará o futuro de A Estrada, o lóxico é que todos teñamos capacidade de amosar a nosa vontade sobre o documento definitivo”. O socialista considera que “a nosa petición vén amparada no título sétimo do regulamento de participación cidadá, que dispón que se poderá someter a consulta popular aqueles asuntos de competencia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños, (…)”.

Os socialistas amósanse sorprendidos porque “atopámonos co despropósito de que se encargou a redacción dun documento que prevé o futuro urbano da Estrada, segundo di o propio goberno, e agora anuncia que negociará cos axentes implicados”. “Consideramos que a lóxica indica que o primeiro sería negociar as liñas mestras dos proxectos, e despois encargar a redacción dun documento que tivera en conta esas directrices xa acordadas”.

SOBRE O PROXECTO DE URBANIZACIÓN DE IBERIAN RETAIL PARKS

López Bueno tamén se referiu a este asunto amosando “severas dúbidas” de que as obras arranquen no 2020. “O goberno esperaba telo feito no anterior mandato, logo as garantías da previsión que están a facer son moi precarias”. Á marxe do propio proxecto, indicou que “non me parece tan prioritario como o desenvolvemento do solo público industrial, penso que a orde debería ser a inversa, primeiro traballo e logo vivendas”.

Esta entrada ha sido publicada en estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , . Guarda el enlace permanente.