O PSdeG DA ESTRADA URXE A POSTA EN MARCHA DO SERVIZO DE INFORMACIÓN TURÍSTICA

Tras varios anuncios de apertura inminente da oficina de turismo, chega a Semana Santa 2019 e esta permanece pechada

O Concello desaproveitou unha subvención da Deputación de Pontevedra que suporía o financiamento do soldo dun axente turístico os 12 meses do ano

A Estrada, 13 de abril de 2019.- O PSdeG de A Estrada urxe a posta en marcha do servizo de información turística, que leva tres anos pechado, como unha das claves para revitalizar o turismo no concello.

A súa secretaria xeral, Belén Louzao, recalca que “de pouco serve ter unha concellería de turismo, ou unha páxina web, se non temos un punto de atención ós visitantes no que sexan recibidos por un guía cos coñecementos necesarios para explicarlles todo o que o noso concello lles pode ofrecer na súa viaxe”.

Tras varios anos anunciando a apertura inminente da oficina de turismo, chega a Semana Santa 2019 e esta permanece pechada, xa que o Concello desaproveitou unha subvención da Deputación de Pontevedra que suporía o financiamento do soldo dun axente turístico os 12 meses do ano.

Unha oportunidade que sí foi aproveitada por outros 18 concellos pertencentes á Rede de Turismo Rías Baixas, que poderán disfrutar de persoal cualificado para ofrecer unha correcta atención ós visitantes, sen que supoña un só euro das arcas municipais.

Os socialistas lamentan esta situación de total abandono do sector turístico da Estrada, e comprométense a traballar arreo para subsanar os erros do actual equipo de goberno e poñer en funcionamento a oficina de turismo, aproveitando todas as subvencións destinadas a revitalizar o sector.

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura y etiquetada como , , , , , . Guarda el enlace permanente.