LÓPEZ BUENO RECLÁMALLE AO ALCALDE QUE DEFENDA Á FUNDACIÓN NO PADROADO E NON NA PRENSA

O voceiro socialista agradece que o alcalde intente facer súas cuestións que o PSOE leva propoñendo dende hai anos, como a necesidade dun xerente ou a orientación da Feira cara o Contract.

Pide que defenda esas posturas no padroado, órgano no que o alcalde leva 5 reunións sen intervir.

14 de setembro. Luis López Bueno fixo valoración das declaracións do alcalde na presentación da XXXIV Feira do Moble de Galicia. Para o líder socialista foron manifestacións que “volven á realidade” e deixan de lado as “fantasías” que viña defendendo o alcalde ata hai pouco tempo.

López Bueno considera fundamental que o alcalde faga súa a reclamación socialista de dotar un xerente para a Fundación de Exposicións e Congresos, e recordoulle ao alcalde que esa proposta hai que defendela no Padroado da propia Fundación “como vimos facendo nós de maneira reiterada nos últimos anos”.

Recordou tamén que a necesidade dun xerente partiu da representación socialista. Esa petición foi avalada por un estudo do IGAPE sobre a Fundación que demostrou que a principal eiva da entidade é a falta dun responsable directo. O líder socialista remarcou que “todo parte da xerencia, sen ela será imposible aplicar ningún cambio” e culpou á Xunta de Galicia de non dotar o posto a pesar das “supostas” intencións do Director Xeral de Comercio de aceptar a reclamación socialista.

Nese sentido, considerou “improbable” que a Xunta mova ficha xa que “levan meses dilatando o procedemento de contratación da xerencia” e advertiu de que “se a Xunta non responde, será o Concello o que teña que buscar unha solución, aínda que sexa encargándolle a xestión a un concelleiro como xa se fixo noutros momentos”.

López Bueno tamén celebrou que o alcalde decidira asumir a proposta socialista de decembro de 2019 sobre orientar a Feira cara un público profesional, e que xa fora manifestada polo propio Bueno no Padroado da Fundación. Para o voceiro é imprescindible contar cos expositores locais e ofrecerlles unha feira “atractiva”.

Remarcou que o recinto feiral de Silleda xa organiza diversos eventos dirixidos ao público profesional e considera que “A Estrada ten capacidade para levar adiante feiras similares”, iso si, “sempre que se conte co apoio dos mobleiros da Estrada, coa xerencia da Fundación e con recursos suficientes”.

O socialista valorou como “positivo” o cambio de rumbo do alcalde, e considera que “non tivo outra saída” que recoñecer que “as propostas do PSOE son as acertadas”. Aínda así, López Bueno non confía en que eses cambios se acaben producindo porque “a credibilidade do alcalde é 0” e recorda que o propio López Campos “xa dixo en prensa todo o imaxinable sobre a Fundación pero leva 5 reunións do Padroado sen intervir e 11 anos sen cambiar  absolutamente nada”.

López Bueno tamén agradeceu o traballo dos traballadores da Fundación “de xeito moi sincero”, e destacou a súa capacidade para sacar adiante a Feira do Moble a pesar da escaseza de persoal e do escaso apoio recibido dende a Xunta e o Concello, que “están para a foto da presentación pero non están para apoiar na organización do evento”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.