O PSOE PÍDELLE AO ALCALDE “INICIATIVA” PARA MANTER A SALUBRIDADE DAS RUTAS DE SENDEIRISMO

López Bueno ve “falta de traballo” nos concelleiros do PP ante os vertidos e vertedoiros visibles dende as rutas. Acusa ao PP de invadir propiedades privadas sen permiso dos propietarios.

23 de febreiro. O PSOE da Estrada pídelle ao Alcalde “iniciativa” para que o Concello tome medidas sobre os vertidos e vertedoiros que se poden ver a simple vista dende as rutas de sendeirismo que discorren polo entorno do casco urbano.

Luis López Bueno manifestou a súa preocupación pola aparición de vertidos nos regatos que atravesan as rutas e tamén de vertedoiros incontrolados que ata agora permanecían enterrados. O socialista considera que non se pode evitar a aparición de antigos vertedoiros, pero considera que o goberno municipal ten a responsabilidade de repoñer a normalidade unha vez que aparecen, e tamén reclama “máis coordinación con Augas de Galicia para previr e sancionar os vertidos aos regatos”.

O voceiro socialista asegura que a actuación do PP deixa moito que desexar, porque acometer as labores de limpeza necesarias “é unha cuestión de vontade política e de traballo dos concelleiros do PP, nada máis”. López Bueno considera que a “inoperancia” do PP ao respecto é un exemplo máis do mal funcionamento do goberno municipal. Neste caso, acusa ao goberno de poñer a traballar aos técnicos de urbanismo para levar adiante unhas rutas pero non facerse cargo do seu mantemento.

Igualmente, lamentou que o tecido asociativo se vexa obrigado a acometer a limpeza das ribeiras dos ríos e regatos e limpar a carballeira municipal (por exemplo) asumindo tarefas que deberían promover Augas de Galicia e o propio Concello. López Bueno indicou que “eu sentiría vergoña se fora alcalde e as asociacións estiveran facendo o traballo que lle corresponde ao Concello”.

Ademais, o socialista tamén acusa ao goberno municipal de impulsar unha rede de rutas que atravesan fincas privadas sen terlle pedido permiso aos propietarios, e asegura que en algún caso incluso se instalaron elementos fixos neses terreos. Bueno ve “inadmisible” que o Concello tivera “tan pouco tino” como para “invadir” predios sen consentimento dos veciños.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.