Pregúntase se a autovía adoece dos mesmos problemas. Considera “de risa” que o alcalde se preste a acoller a “propaganda” da Xunta.
1 de marzo. Luis López Bueno manifestou a súa preocupación pola nova “bofetada” da Xunta ao Concello da Estrada. O líder socialista valorou que a “enésima demora” do edificio xudicial non é ningunha sorpresa e lamentou que a Xunta “incumpra de maneira sistemática os anuncios que fai para A Estrada”.
López Bueno non escatima en calificativos diante do revés que supón “ser o último Concello de Galicia en unificar as sedes xudiciais con máis de 10 anos de atraso”, porque a nova sede xudicial “debería estar en construción a máis tardar no ano 2013, abonda con ver o Plan de Infraestruturas Xudiciais que a propia Xunta aprobou para o período 2010–2013”.
Tamén recordou que Alfonso Rueda organizou unha presentación “a bombo e platillo” en outubro do ano 2021 na que prometera o edificio “operativo para o 2023”. Lamentou que o alcalde “participe dos circos da Xunta” nos que “a atracción principal son as paiasadas que din os políticos do PP sobre os seus compromisos co noso Concello”. López Bueno tamén lamenta “non poder tomar en serio ningún anuncio do PP para A Estrada” e parécelle “incrible” que o noso Concello sexa “o único de Galicia onde o PP incumpre por sistema calquera compromiso que asume”.
Valorou como “ridículo en diferido” os numerosos anuncios do edificio xudicial e lamentou que José López sexa “totalmente incapaz” de conseguir compromisos serios da Xunta coa Estrada. Considera “lamentable” que o propio alcalde alimente as mentiras do PP con “prazos e prazos que incumpren unha e outra vez”.
Indicou tamén que a actitude do alcalde “xenerosa e comprensiva, en palabras del mesmo” co PP da Xunta ten como consecuencia que “A Estrada estea en discriminación permanente” porque o alcalde é “extremadamente dócil” co seu partido. Sentenciou que “cando José ten que escoller entre A Estrada ou o PP, escolle sempre a camiseta do PP” e apóiase nas declaracións do propio alcalde nas que manifestou en moitas ocasións que “servirá ao PP alí onde lles sexa máis útil, non di que servirá aos veciños e veciñas da Estrada”. O socialista rematou dicindo que “así nos vai á Estrada”.
Este anuncio da Xunta provoca que López Bueno se preocupe tamén pola situación doutros compromisos que en teoría están en marcha, por exemplo o da autovía. O líder socialista asegura que a Xunta incumprirá o anuncio da licitación do primeiro tramo da ampliación no primeiro trimestre deste ano, o que “lamenta profundamente”. Afirmou que “xa van dous meses e non hai ningunha nova sobre iso” o que lle fai pensar que “quizais a autovía se atope co mesmo problema que o xulgado novo”.
Asimesmo quixo recordarlle aos veciños e veciñas que “nin a autovía, nin o centro de saúde nin o edificio xudicial son favores da Xunta” se non que se trata de “ter o mesmo que outros Concellos de Galicia, nin máis nin menos”. Ademais indicou que este novo incumprimento tamén atrasa os plans do PP de levar os servizos sociais a un edificio “minúsculo” como é o Xulgado 1. López Bueno insiste en que a opción ideal é conseguir a cesión do Centro de Saúde antigo, e instou ao PP a “poñerse a traballar dunha vez” nesta posibilidade que sería “totalmente gratuíta para o Concello” e “a única opción ideal” para dotar aos programas de servizos sociais dunhas instalacións “totalmente novas” revitalizando unha zona da vila que “padece moito a marcha do centro de saúde”.