LÓPEZ BUENO CIFRA A DÉBEDA DO CONCELLO DA ESTRADA EN 10 MILLÓNS DE EUROS

O líder socialista advirte de que a débeda ameaza seriamente as inversións de cara os vindeiros 4 anos. As cantidades son de 8,3 millóns de euros de débeda con entidades financeiras e 2 millóns cos traballadores e traballadoras polos atrasos recoñecidos polo TSXG.

López Bueno analizou o estado económico no que o PP deixa o Concello da Estrada e adiantou que a débeda actual do Concello da Estrada está en 10 millóns de euros. Esa cifra sae do importe da débeda por préstamos asumidos polo goberno do PP (8.351.894,23 euros a 31 de decembro de 2022) aos que lle hai que sumarlle aproximadamente 2 millóns de euros de salarios que se o PP lle debe aos traballadores.

Sentenciou que é a débeda máis alta da historia do Concello. O voceiro socialista indica que durante este mandato destacou a mala xestión económica do PP, que deixa estas cifras “perigosísimas” para o Concello. Hai que ter en conta que os ingresos ordinarios do  Concello son de 13 millóns de euros que se deben destinar a manter os servizos e a facer investimentos.

Destacou que A Estrada se librou de estar sometido á tutela do Goberno Central porque as normas fiscais quedaron suspendidas pola pandemia, e advertiu estas “poden regresar en calquera momento” abocando ao Concello a pedir autorización para facer calquera gasto, como mínimo.

López Bueno ve un “claro perigo para os investimentos” con fondos propios, e tamén ve serias dificultades para acceder a financiamento doutras administracións que deba adiantar o Concello. “Advertímosllo ao PP, pero eles viven pensando nas eleccións. Por iso asumiron un crédito de 4,5 millóns de euros no 2022”.

O líder socialista considera que é “un absoluto escándalo” que o PP se dedique a gastar os recursos de todosen “ocorrencias varias” como os bancos de 10.000 euros cada un, o baño intelixente de 71.000 euros, pantallas para os parkings por 133.000 euros, unha praza de terra por 1 millón de euros, mentres as arcas municipais “unicamente engordan en débedas cos bancos e cos traballadores”.

Un dos asuntos que máis preocupa é a débeda “non recoñecida polo PP” cos traballadores e traballadoras do Concello, que si está recoñecida por sentencia xudicial do TSXG sobre a RPT da Estrada. Indicou que o PP lles di aos empregados que ten “vontade de pagar” pero que ao mesmo tempo mantén vivo un recurso de casación que será inadmitido e que tamén engorda a débeda cos abogados. “Dende logo non me parece que exista moita vontade” valora López Bueno.

O socialista tamén fixo unha valoración política da débeda, e manifestou que se trata dunha manobra electoral do PP. “O alcalde asumiu 4,5 millóns de euros de débeda o ano pasado para intentar tapar todo o que non se fixo en 3 anos. Vai pagar a súa campaña electoral cos cartos de todos e todas nós, como fixo cando contratou a dedo á empresa do seu director de campaña para levar as redes sociais do Concello” dixo López Bueno.

Ademais, tamén valorou que “o equipo de goberno do PP non vai ser capaz de xestionar esta ruína” porque precisamente “foron eles os que puxeron ao Concello nunha situación tan delicada”. Tamén indicou que “ademais de facer unha xestión económica nefasta, non foron capaces de recoller ningunha das propostas do PSOE nestes anos, que seguro que mellorarían moito a situación financeira actual”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.